A xornada do venres, penúltima do Mundial Multideporte de Pontevedra 2025, deparou finais moi emocionantes na meta do Centro Galego de Tecnificación Deportiva tras a competición de ácuatlon.
En categoría feminina, a bielorrusa Hanna Maksimava logrou, baixo a bandeira “neutral” remontar na carreira a pé de 5 km tras a natación de 1.000 m. no río Lérez para obter unha gran vitoria (32:57), cunha pequenísima vantaxe de só 6 segundos sobre a española Mariña Muñoz, segunda, que suma unha nova medalla de prata ao seu palmarés tras a conseguida no Mundial de Tríatlon cros do pasado martes. A húngara Jázmin Kropkó, irmá do gañador masculino, fíxose co bronce absoluto e co ouro en categoría júnior. A española Lucía Castelló foi a segunda clasificada júnior (sexta da xeral), e Elsa Pena colgouse o bronce sub 23.
En homes, Márton Kropkó liderou o Campionato do Mundo de Acuatlón desde a natación, cunha gran experiencia a pesar de ser aínda sub 23, sumando así dous ouros (elite e sub 23), cun tempo de 28:15. O novísimo Damián Suárez logrou do mesmo xeito a prata absoluta e o ouro júnior a tan só cinco segundos do húngaro.
O británico Christopher Perham foi terceiro en meta. Kevin Tarek Viñuela, que defendía título de campión do mundo, cruzou a meta finalmente cuarto despois de estar pelexando polas medallas toda a carreira. Julen Andueza, quinto clasificado, colgouse a prata sub 23, mentres que Lucas Riola foi o segundo júnior e oitavo da xeral.
O Mundial Multisport de Pontevedra 2025 está organizado pola Federación Española de Tríatlon, World Triathlon e o Concello de Pontevedra, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
Pontevedra, tras albergar o Mundial Multideporte de 2019 e a gran final das Series Mundiais en 2023, coroarase este verán como un destino de referencia internacional para a práctica do tríatlon, como paso previo a volver ser a sede da final das Series Mundiais en 2026.
