MULTISPORT 2025 SPORT ART DIVERSITY PRIDE

WhatsApp Image 2025 06 28 at 13.51.13

Trimparables gozaron das carreiras baixo o tórrido calor do mediodía

Unha xira por toda España fixo parada no marco do Mundial Multisport Pontevedra 2025

O “tríatlon para todas e todos” de Trimparables reuniu a case 200 deportistas hoxe no río Lérez e na contorna do Centro Galego de Tecnificación Deportiva nunha mañá inesquecible na que moitas persoas tiveron a súa primeira toma de contacto co tríatlon e sentiron as sensacións de superación ao completar os tres segmentos pasando polas dúas transicións.

O terceiro evento da xira nacional promovida pola Federación Española de Tríatlon, Cadea SER e Diario AS, trouxo a diversión e o deporte a mozos e maiores de todas as idades que gozaron de distancias moi atractivas como Súper Sprint ou Sprint, ou un acuatlón para os menores, así como as modalidades de equipos de substitucións, tríatlon por parellas e tríatlon inclusivo. Ademais, os novos triatletas puideron cruzar a mesma meta que os participantes do Mundial Multideporte 2025 que se está celebrando na “Boa Vila”.

Na distancia Súper Sprint, Andrea Marquina e Javier Garrido foron os gañadores, mentres que a parella “Os Lentorros” foron os vencedores por parellas. O equipo “Daportistas” gañaron en substitucións masculinas e “Tríatlon Lacerta” nos mixta homes-mulleres. Nagore Otero foi a primeira moza no tríatlon Inclusivo, mentres que Íñigo Villanueva foi o gañador en categoría masculina.

No formato Sprint os primeiros clasificados individuais foron Lorena Fanjul e Iago Costa. O equipo masculino “Tríatlon Lacerta” e o mixto “Gemeliers” foron os primeiros na meta do CGTD, e o ranking por parellas liderárono “Os Piñatiño” en homes e “Noequele” en mixtas homes-mulleres.

A xira “Trimparables” arrincou en Xixón, pasou posteriormente por Zaragoza e hoxe chegou a Pontevedra no marco do Mundial Multisport 2025 para levar este deporte máis aló da elite competitiva, transformándoa nunha experiencia para todos.

Trimparables continúa a súa xira por España en Torremolinos e Valencia en setembro, e Eivissa, en novembro, nas que serán as citas finais desta iniciativa.É un circuíto nacional promovido pola Federación Española de Tríatlon, Cadea SER e Diario AS, e a nivel pontevedrés conta co apoio e patrocinio do Concello de Pontevedra, Deporte Galego – Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, e Federación Galega de Tríatlon.

Comparte esta nova