A media tarde comezaron a xuntarse as persoas que ás 18:30 comezarían a desfilar á sombra das súas bandeiras na asollada tarde de inauguración do Multisport 2025. A cita era na praza máis céntrica da cidade, Ferraría, desde onde unha serpe de festa e cores atravesaría Michelena para chegar fronte ao Concello, onde as autoridades locais e federativas esperaron, entre aplausos, aos atletas.
Un desenfadado río de persoas ataviadas cos seus traxes de paseo arroupadas en todo momento pola cidadanía de Pontevedra e os numerosos visitantes que estes días chegaron á cidade para gozar das competicións. Foron 44 delegacións doutros tantos países, a de World Triathlon e a bandeira de Galicia, que encabezaba a marcha, xunto aos gaiteiros Vos de Algures e unha reprresentación dos máis de 400 persoas voluntarias que coa súa colaboración contribuirán ao éxito das probas.
Foi Pablo Méndez o encargado de recibirlles. Cando chegou o último ou a última triatleta empezaron as danzas apoiadas nunha linguaxe marítima que evocaba a bateas e medusas, para acabar cun mecano xigante que se despregou desde detrás do escenario, coa súa pel metálica brillando ao sol. Unha sesión especialmente creada e realizada para inaugurar o campionato que mesturou danzas corais e duetos de danza circense apoiados nunha banda sonora new-age que mantivo ao persoal constantemente mirando ao ceo pendente das danzas aéreas.
Tras a delicada performance desta compañía local que mantén neste momento 8 espectáculos simultáneos noutras tantas cidades do país, foron atletas e protagonistas quen tomou a testemuña.
O alcalde, #Miguel Anxo Fernández Lores, lembrando o acolledora que é a cidade e o ben que nos sintan visitas como estas. O presidente da Federación Española, José Hidalgo, evocando a Pontevedra como “Ciudad mundial do tritatlón”; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, evocando á provincia como un gran estadio deportivo para múltiples competicións; o conselleiro de Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, exhibindo a gran potencia do tríatlon galego e o representante de World Triathlon congratulándose do vibrante aspecto da cidade de fronte ao campionato.
Todos eles agradeceron ao persoal a súa implicación e agarimo, e lembraron a figuras locais como Javier Gómez Noya, Susana Rodríguez Gacio ou Pablo Dapena, entre outras moitas.












