GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

WhatsApp Image 2025 06 24 at 19.16.04

Francia domina tamén o tríatlon cross

Tamén España tivo bo rendemento: seis medallas nas distintas carreiras desta disciplina

Verducido, a menos de 10 km do centro de Pontevedra, acolleu o Campionato do Mundo de Tríatlon Cros no Centro Deportivo David Cal e a súa espectacular contorna natural. Francia dominou en categoría absoluta cos dous ouros logrados por Alizee Paties e Felix Forissier, e tamén brillou a Selección española que logrou un total de seis medallas entre as categorías elite, sub 23 e júnior.

En categoría feminina a francesa Alizee Paties cumpriu cos prognósticos que a situaban como gran favorita para lograr o ouro (2h14:10) en tríatlon cros no Mundial Multideporte de Pontevedra 2025, avantaxando en meta en algo menos de dous minutos á española Mariña Muñoz, prata, que foi capaz de adiantar xusto na segunda transición tras deixar a bicicleta á chilena Bárbara Riveros, que foi finalmente bronce. En categoría sub 23, a británica Isla Hedley proclamouse campioa, seguida pola australiana Laura Guillard, e a tamén británica Mia Padmanabhan, terceira. A primeira española sub 23, cuarta, foi Celia Calderón, que foi tamén undécima da xeral.

En homes, o francés Felix Forissier tomou o liderado no último segmento, na carreira a pé, e controlou a cabeza de carreira con moita solvencia para gañar o título de campión do mundo por unha pequena vantaxe de dous segundos (1h55:00) sobre o seu compatriota Arthur Serrieres, segundo. O español Kevin Tarek Viñuela, que foi o primeiro triatleta en cubrir a natación en Pontillón, fixo unha gran remontada para pasar do quinto posto ao terceiro tras o sector ciclista, e subir ao podio. O madrileño Eneko de Castro (2h03:25), décimo da xeral, coroouse como campión do mundo sub 23 cunha actuación soberbia liderando a súa categoría de principio a fin, seguido polo tamén español Alejandro Pla, subcampión. O italiano Davide Catalano foi terceiro sub 23.

PRATA PARA MARÍA TENORIO E BRONCE PARA ALEIX GARCÍA EN CATEGORÍA JÚNIOR
O ouro en categoría júnior foi para a italiana Serena Bratti, mentres que a española María Tenorio protagonizou unha brillante remontada no último segmento a pé para lograr unha merecida medalla de prata. Tras a francesa Mila Lantelme, bronce, cruzou a meta a pontevedresa Lucía Piñón en cuarta posición.

En categoría masculina, o surafricano Antony Clayton logrou a vitoria, seguido no podio por italiano Sebastiano Margaria, e Aleix García logrou o bronce xestionando moi ben a súa vantaxe sobre o resto de perseguidores.

VINDEIRAS COMPETICIÓNS E ACTIVIDADES
A competición tóma un respiro mañá mércores e os duatletas entrarán en acción na modalidade cros (campo a través) este xoves 26 de xuño. O venres o Mundial Multideporte regresa a Pontevedra co acuatlón o venres, o tríatlon de promoción aberto a todo o mundo “Trimparables” celébrase o sábado e o domingo o punto e final e prato forte é o Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia e o AquaBike.

As actividades paralelas seguen asolagando Pontevedra de música, cultura e diversión. Hoxe houbo concertos nas tendas Playground e Miler Running Club, e mañá mércores haberá concerto de Cora (Praza de Compostela) e de Helena Egea (Ferraría).

Comparte esta nova