GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

Derradeira 1

As persoas que veñan á Gran Final poden contemplar a obra de arte máis simbólica da Galicia contemporánea

‘A derradeira leición do mestre’, considerado o “Gernika galego” está exposto ata finais de setembro no Museo de Pontevedra

As persoas que visiten Pontevedra co gallo da Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon poderán contemplar no Museo de Pontevedra unha das obras de arte máis significativas da Galicia contemporánea: o cadro “A derradeira leición do Mestre”, no que o seu autor, Castelao, deixou plasmado o terrible momento do fusilamento dunha das figuras máis sobranceiras do período republicano en Galicia, Alexandre Bóveda.

O cadro foi pintado en Bos Aires en 1945, se ben previamente xa crease unha estampa no seu famoso álbum de ilustracións ‘Galiza Mártir’, de 1937, onde se recollían os terribles horrores da guerra posterior ao golpe fascista.

Tanto Castelao coma Bóveda vivían en Pontevedra antes do levantamento fascista de 1936, pero como Castelao era deputado, o 18 de xullo sorprendeuno en Madrid e puido exiliarse. En cambio, Bóveda correu pior sorte: estaba en Pontevedra e foi asesinado xunto a outras moitas persoas que acabaron ante os pelotóns de fusilamento en toda Galicia.

O cadro constitúe unha homenaxe a Alexandre Bóveda, aínda que a estampa alude en xeral á represión que sufriu o maxisterio. O rostro da vítima recrea intencionadamente as faccións de Alexandre Bóveda, un dos fundadores do Partido Galeguista e amigo íntimo de Castelao, fusilado polos sublevados o 17 de agosto de 1936, xornada na que moitas persoas celebran o Día da Galiza Mártir.

Iconográficamente, o cadro amosa a dous nenos chorando exhaustos ante o cadáver asasinado do seu mestre. Visualmente, a composición inspírase nas tradicionais escenas relixiosas do “descendemento de Cristo” ou a “lamentación”, convertendo o sacrificio pola liberdade e a educación nun martirio civil.

Castelao quixo enviar unha mensaxe ao futuro: A “última lección” do mestre é o seu propio sacrificio. Os nenos simbolizan o futuro e a continuidade; a violencia pode rematar co home, pero non consegue destruír os seus ideais, que quedan sementados para as novas xeracións.

O lenzo orixinal atópase habitualmente custodiado de forma permanente polo Centro Galicia de Bos Aires na Arxentina. Con todo, este verán protagoniza un fito histórico co seu regreso temporal a Galicia. O Museo de Pontevedra acadou a súa cesión temporal e a obra exhíbese no Edificio Castelao desde o pasado 25 de xuño ata finais de setembro de 2026. Trátase dun evento moi emotivo para a cidade de Pontevedra, xa que foi o espazo urbano onde Castelao e Bóveda estreitaron os seus lazos políticos e de amizade.

Unha magnífica ocasión para visitar non só esta exposición temporal, senón o resto do museo, o máis importante de Galicia.

Enlace ao Museo de Pontevedra

Derradeira 2
Comparte esta nova