“¿Listo para asulagarte e marcar a diferenza? Esta non é unha formación calquera. É unha emocionante viaxe completamente online deselada para prepararte en habilidades que realmente importan”. Así comeza o módulo de benchegada ao programa piloto de Formación de Voluntariado do Tríatlon que se impulsa desde World Triathlon e se materializa por primeira vez na Gran Final das Series Mundiais en Pontevedra.
Trátase dun proxecto comunitario de participación social enfocado a crear un voluntariado deportivo europeo no que participarán 80 persoas de calquera país do mundo e dos que os primeiros cinco se escollerán entre as persoas que participen nesta gran final.
Estas cinco primeiras persoas voluntarias escolleránse entre 37 que se apuntaron para participar na experiencia internacional que nunha primeira fase os levará a Francia, Chequia, Marrocos e Portugal.
O proxecto céntrase na formación do persoal voluntario a nivel mundial, homoxeneizando procesos e protocolos para definir ben o papel destas persoas que prestan desinteresadamente este tipo de colaboracións que en nengún caso poden confundirse con traballos que realice persoal laboral. Tamén tres instrutores do proxecto forman parte da Oficina de Voluntariado de Pontevedra, o que da idea da importancia desta área de xestión de persoas neste tipo de eventos.
A elección de Pontevedra como primeiro núcleo no que bota a andar este proxecto, que xa leva varios meses de traballos previos débese á madurez organizativa da sede e epecialmente ao seu capítulo de voluntariado, que se considera unha ferramenta ben concebida para atraer vocacións de entrega a eventos deportivos internacionais, aos que se ofrece tempo e boa disposición.
A sede pontevedresa ofrece ao resto das persoas implicadas doutros países as súas unidades didácticas e a metodoloxía de traballo ben engranada para facer frente aos retos do traballo voluntario, baseados sobre todo na correcta formación das persoas que se implican nas operacións.
