GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

Abrigo climático gal

Camiño da máxima categoría en sustentabilidade

“Ouro” na avaliación previa da World Triathlon, que haberá de confirmarse tras o evento

A Gran Final de 2026 será de novo candidata á categoría ouro en materia de sustentabilidade, xa que superou a primeira fase —previa á celebración— e aspira a reconquistar ese título ao final do evento. Varias persoas da organización internacional World Triathlon vixiarán que todo o proposto pola organización pontevedresa se cumpre e será tras a celebración cando se coñeza o resultado definitivo.

A estratexia de sustentabilidade forma parte da organización coa súa propia coordinación operativa. Esta realiza un labor de deseño e xestión previa ao comezo da proba cos seus propios eventos, contactos e accións, que se materializan durante o desenvolvemento de carreiras, actos paralelos e en xeral durante a estancia de todas as persoas que dunha ou outra forma participan no acontecemento.

O traballo en materia ambiental do campionato é o froito do esforzo en planificación e xestión da empresa pontevedresa Equilátero Desenvolvemento Sostible, dirixida por Saleta González.

A Gran Final impulsa unha ambiciosa estratexia de sustentabilidade aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. Co fin de minimizar o impacto ambiental e xerar un legado positivo, a organización articulou un plan integral enfocado na loita contra o cambio climático, a protección da auga, a inclusión social e a dinamización da economía local. A iniciativa busca que a cidade continúe a ser un referente ambiental, especialmente en grandes eventos deportivos responsables.

En materia ambiental e de mobilidade, o campionato fomentará os desprazamentos a pé, en bicicleta e en transporte público máis aló aínda do que é habitual na cidade cotidianamente. 

Entre estas medidas figuran a iniciativa “1 Billete, 1 Vaso” para trocar billetes de transporte público —moi interesante porque moitas persoas alóxanse fóra do centro urbano— por vasos reutilizables, o uso de bicicletas eléctricas, a instalación de abrigos climáticos para o persoal e unha estación de carga alimentada por enerxía solar fotovoltaica montada por Ileko na Zona Expo. Ademais, para compensar a pegada de carbono xerada, o Concello de Pontevedra, xunto a deportistas e voluntariado, levará a cabo unha plantación de árbores frondosas nun parque forestal do municipio.

A xestión de recursos articularase baixo os principios da economía circular mediante o uso de fitas de balizado de plástico reciclado, a reutilización de sinaléctica e as campañas de recollida de roupa deportiva, zapatillas e chanclas para entidades sociais. Así mesmo, a organización de evisceradores de Cambados cedeu máis de 300 cunchas de vieira para unha campaña de animación sostible en carreira que invita a empregar obxectos cotiáns como instrumentos de animación nas bancadas. Doutra banda, a instalación de fontes públicas e a recuperación de excedentes alimentarios reforzarán a redución de residuos plásticos e o compromiso social.

O evento destaca tamén polos seus criterios de inclusión e coidado da saúde, contando con circuítos e baños adaptados, sinalización con pictogramas especiais, zonas de lactación e subministracións de hixiene feminina. Á súa vez, promoveranse hábitos saudables e de prevención xunto á Asociación Española contra o Cancro e outras entidades, que facilitarán protección solar respectuosa co medio acuático. 

Finalmente, a alianza con provedores de proximidade e con entidades do tecido asociativo e ambiental —como PreZero, Ecoembes, Boa Vida, Virxe da Ou ou a Fundación Juan XXIII— asegurarán un impacto socioeconómico positivo na economía local e a cohesión comunitaria. A planta para varias casetas institucionais da Feira foi cedida polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán. 

3fac7ca1 95c8 44de 8427 460efa8ecfac
Comparte esta nova