A publicación en papel que recolle os datos básicos da Gran Final xa comeza a aparecer nos buzóns da cidadanía de Pontevedra. É unha publicación en formato xornal, papel prensa e 16 páxinas que baixo o título “Mundial Pontevedra” recolle datos de axenda, mobilidade, voluntariado e o programa de espectáculos que acompañará ás probas deportivas.
O programa Somos Música, con 12 espectáculos e a nova configuración do evento inaugural teñen un protagonismo especial, se ben cambios de última hora no desfile de bandeiras fixeron “caducar” o mapiña publicado. Tres dos puntos de encontro fixados con anterioridade (para as seleccións de América, Asia e Oceanía) mudaron de lugar. O código qr publicado nesa páxina sí que dirixe á información correcta e os numerosos puntos informativos que se instalarán pola cidade, tamén.
A axenda deportiva e a sustentabilidade tamén teñen o seu protagonismo, igual que unha infografía sobre o plano da cidade na que se recollen os principais puntos de interés da proba.
A colección de mapas coas indicacións para o tránsito motorizado teñen tamén un capítulo especial, no que se recollen os 3 mapas con indicacións xerais e os 15 con indicacións específicas de cada zona, con explicacións diarias sobre cómo está planificada a mobilidade.
