GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

20260927 Dfreire 042

Final masculina australiana con sabor portugués

Vasco Vilaça e Hauser entraron na meta co mesmo tempo

Portugal foi a gran protagonista da Gran Final das Series Mundiais Pontevedra 2026, pois Vasco Vilaça alzouse co título de Campión do Mundo pese a quedar segundo na carreira de Pontevedra, que gañou o australiano Mat Hauser grazas á foto finisher, xa que marcou o mesmo tempo que o portugués, 1:39:31.

Vasco Vilaça controlou a carreira en todo momento. Sempre estivo preto do australiano Matthew Hauser, que era o que máis opcións tiña de poder arrebatarlle o título final. Ambos protagonizaron un incrible e igualadísimo sprint que quedará para os anais da historia dos Mundiais de Tríatlon. O triunfo da proba foi para Hauser pero o título Mundial foi a Vilaça que conquista así o primeiro mundial da súa carreira deportiva tras o segundo posto de 2020 e o terceiro do ano pasado.

O terceiro caixón do podio en Pontevedra foi para o británico Alex Yee, tras protagonizar unha espectacular remontada na carreira a pé. Así pois, día histórico para Portugal, que pode presumir de ter un campión do Mundo de Tríatlon e un terceiro clasificado na figura de Ricardo Batista, cuarto na carreira de hoxe. O segundo posto na xeral foi para o australiano Matthew Hauser.

Roberto Sánchez Mantecón foi o máis salientable dos triatletas españois. O valenciano realizou unha gran carreira a pé e foi remontando posicións ata chegar a un meritorio 8º posto. O segundo da TriArmada foi Alberto González que rematou 16º, regalando ao público un espectacular sprint final para superar o estadounidense Morgan Pearson. David Cantero concluíu 26º e Antonio Serrat 35º.

Comparte esta nova