GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

Pontevedra aérea

Medios aéreos axudarán a manter a seguridade na Gran Final

As Policías Local e Nacional unen esforzos para responder axiña ás posibles incidencias

Pontevedra volverá situarse no centro do tríatlon internacional con motivo da celebración das Grandes Series Mundiais de Tríatlon, unha cita que contará cun amplo dispositivo de seguridade no que os medios aéreos desempeñarán un papel especialmente relevante.

Con motivo do evento activarase o que será, ata o momento, o maior dispositivo de seguridade mediante medios aéreos despregado nunha competición de tríatlon na cidade do Lérez, concibido como unha ferramenta de apoio á operativa terrestre e, especialmente, ao Posto de Mando encargado de coordinar a seguridade e xestionar as incidencias durante o desenvolvemento das probas.

No dispositivo estarán integradas a Sección de Apoio Aéreo da Policía Local de Pontevedra e a Unidade de Medios Aéreos da Policía Nacional, que traballarán de maneira coordinada para proporcionar unha visión aérea dos principais escenarios do campionato, apoiar os efectivos despregados sobre o terreo e facilitar información en tempo real ao centro de coordinación.

O emprego destes medios permitirá dispoñer dunha visión global das diferentes zonas de competición, especialmente daqueles puntos con maior concentración de deportistas, espectadores ou vehículos. Desde o aire será posible detectar incidencias, supervisar percorridos, controlar fluxos de persoas, valorar a evolución de determinadas situacións e facilitar unha resposta máis rápida ante calquera circunstancia que requira a intervención dos servizos policiais ou de emerxencia.

Toda a información obtida será posta ao dispor do Posto de Mando en tempo real, desde onde se centralizará a xestión das incidencias e coordinaranse os recursos necesarios en cada momento. As imaxes e datos proporcionados polos medios aéreos permitirán mellorar a capacidade de análise e facilitar a toma de decisións, achegando unha perspectiva do dispositivo que non sempre pode obterse desde terra.

O operativo contará tamén con sistemas antidróns destinados a reforzar a vixilancia e protección do espazo aéreo asociado ao evento. Estes sistemas permitirán desenvolver funcións de detección, identificación e seguimento de aeronaves non tripuladas, facilitando a localización de posibles voos non autorizados e proporcionando información ao dispositivo de seguridade para a súa valoración e xestión conforme os procedementos establecidos.

O dispositivo contará tamén coa participación de empresas pontevedresas especializadas no sector, como VIG-SEC-DRON e TERGO, que prestarán apoio técnico e loxístico durante o campionato.

A súa incorporación permitirá reforzar a capacidade operativa do dispositivo e garantir que os diferentes medios poidan traballar de forma coordinada e adaptada ás necesidades dun acontecemento deportivo internacional destas características.

Comparte esta nova