GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

Lesiones en el triatlón

O libro “Lesións no tríatlon” recolle en primeira persoa a experiencia de figuras deste deporte

Escrito por Hugo Ogando e Javier Gómez Noya, preséntase na Casa do Luz o martes 22, véspera da inauguración da Gran Final

“Lesións no tríatlon” é o título do libro divulgativo escrito polo fisioterapeuta Hugo Ogando e o laureado triatleta Javier Gómez Noya será presentado o 22 de setembro na Casa da Luz, un acto que se celebra xusto na véspera da inauguración da Gran Final.

O volume, editado por Tutor, resume as lesións deportivas do triatlón dende un punto de vista divulgativo, para que todo o mundo poida entendelas, e ademáis fala da prevención e tratamento das mesmas e uso de todo o material relacionado co triatlón.

Javier Gómez, adestrador do Team Spain, conta toda a súa historia lesional dende o inicio, sen ningún tipo de censura, algo que poucos atletas de ese nivel de calquera deporte fixeron tan abertamente.

“As lesións son os peores inimigos dos deportistas. A gran diferenza está en como se aprende delas para minimizar o risco de que volvan xurdir nun futuro, como traballar para previlas, como afrontalas psicoloxicamente, a capacidade de analizar a situación e tomar decisións acaídas estratexicamente e facer os cambios necesarios na planificación para que teñan o menor impacto posible. O libro pretende resumir e achegar un pouco de coñecemento ao triatleta popular, dun xeito sinxelo e o máis entretida posible, sobre as lesións principais derivadas da práctica do tríatlon e como tratar de evitalas. A idea principal é transmitir conceptos para que todos poidamos desfrutar do noso deporte o maior tempo posible”, di o texto promocional da obra.

Foi Mario Mola, tres veces campión do mundo de triatlón quen prologou a obra que sen dúbida será referencia no mundo deste deporte. Conta tamén coa participación doutros dez atletas internacionais entre os que se atopan os tamén pontevedreses Pablo Dapena e Cristian Fernández, e outros adoptivos como Anneke Jenkins e Joselyn Brea, ademáis doutros que tamén pasaron por Pontevedra en diferentes tempadas e “training camps” como Fernando Alarza, Vicente Hernández, entre outros, o que resulta un síntoma da importancia do tríatlon no panorama deportivo da Boa Vila.

Participan tamén outros colaboradores expertos na materia como Fernando Huelin, ex médico do CGTD e triatleta afeccionado; Luisa Ibáñez, traumatóloga e triatleta aficionada; Iago Roel, psicólogo deportivo, e Raquel Álvarez, graduada en nutrición e triatleta aficionada.

A relevancia das persoas que participan e a linguaxe divulgativa que utiliza convirten o volume nun exemplar único no mercado actual. A presentación en primicia en Pontevedra ás 8 da tarde do martes 22 resulta unha posta de largo inmellorable aproveitando a celebración da gran final das series mundiais.

Hugo Ogando Berea é un fisioterapeuta e triatleta afeccionado que se iniciou de mozo no deporte da natación pasando posteriormente ao tríatlon. Estudou fisioterapia na UVigo e cursou dous másteres de nutrición e fisioterapia deportiva. Foi colaborador de varias federacións nacionais e autonómicas, especialmente as de natación e tríatlon, e traballou tamén con numerosos deportistas de alto rendemento. Colabora con Javier Gómez Noya desde 2012.

Javier Gómez Noya, comezou a súa práctica deportiva a través da natación. Os seus comezos no tríatlon remóntanse a 1998 e desde entón cultivou unha das carreiras máis prolíficas da historia do tríatlon, con numerosos éxitos nas diferentes modalidades deste deporte, incluíndo campionatos do mundo e de Europa, medallista olímpico, copas do mundo, series mundiais, etc. Tras a súa retirada do deporte profesional, centrouse en labores de adestramento e formación doutros deportistas.

Comparte esta nova