GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

WhatsApp Image 2026 09 28 at 10.16.36

Orgullo e gratitude, as palabras máis utilizadas no balance da Gran Final

O alcalde mostrouse “derretido” ante a chea de parabéns recibidos / A Fetri subliña: “Demos ás e aos triatletas o mellor campionato do mundo”

“Orgullo, satisfacción e gratitude” estas tres palabras serviron a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra para sintetizar a sensación que deixou na cidade a celebración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon: “Estou derretido da cantidade de parabéns que recibín de todas parates, foi unha unanimidade total”.

Unha sensación compartida polo director deportivo da proba, Jorge García: “Cada evento deste nivel que facemos en Pontevedra é mellor que o anterior… non porque os anteriores fosen peores, senón porque en cada ocasión damos un paso máis para achegarnos á excelencia, para facelo aínda máis espectacular”, dixo García, quen se referiu á decisión de deseñar o circuíto polo centro da cidade como “un gran acerto; foi sen dúbida o mellor circuíto dunhas series mundiais; déuselles aos deportistas o mellor campionato do mundo”.

“Fixemos historia máis unha vez”, dixo a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen introduxo a tradicional comparecencia de balance ensinando músculo: “son novata como concelleira de deportes, pero xa me tocou participar na organización do Multisport, duas grandes finais de tríatalon e un campionato do mundo de natación artística”.

O alcalde referiuse tamén a algúns episodios derivados do plan de mobilidade preparado para o evento: “Como sempre, fóronse resolvendo da mellor forma posible; tivemos uns días de competición con ausencia de incidentes destacables”, dixo o rexedor, que quixo dar as grazas tanto ao funcionariado municipal como ao equipo humano da Fetri, empresas colaboradoras, á cidadanía e sobre todo ao voluntariado, que achegou unha gran colaboración ata o punto de desbordar as peticións de participación no evento.

O balance da semana a non só polos números absolutos e a actividade económica xerada, senón sobre todo polo impresionante ambiente de convivencia, intercambio e sociabilidade entre persoas de diferentes partes do mundo que viñeron a Pontevedra a gozar do tríatlon e dunha cidade envorcada nunha festa que vai camiño de converterse en tradicional. Rexistrouse de novo unha entusiasta implicación da cidade no evento e a naturalidade coa que se acolle un campionato deste nivel en cuxa organización toman parte máis de 1.300 persoas.

A presenza constante de persoas no percorrido animando ás e os triatletas volveu a reforzar á cidade como sede deste tipo de competicións que teñen por escenario o espazo público, tanto do núcleo histórico como dos espazos fluviais. “Ver a beira do río chea de xente, a ponte dos Tirantes, Peregrina, Michelena, a baixada ao río e os arredores do CGTD, alén das bancadas dispostas no recinto deportivo é unha experiencia que cada un dos competidores levarase na súa retina para sempre”.

Na área da comunicación a organización puxo en circulación unhas 6.500 fotografías tanto no ámbito doméstico como no internacional, o que fixo circular a marca da cidade en todo o mundo. O mesmo ocorre coas 20 horas de emisión en directo polas canles de World Triathlon e as 5 horas de Teledeporte, emisión coa que conectaron numerosas emisoras de televisión do ámbito internacional.

Tan só as emisións da canle de Youtube de World Triathlon xeraron unhas 400.000 visualizacións. Os 133 xornalistas acreditados emitiron constantes crónicas para os seus respectivos medios e a organización insitu emitiu 30 notas de prensa. A organización española editou 18 resumos de carreiras e 75 reels para redes, aos que hai que engadir os 65 reels emitidos por World Triathlon, que en total foron vistos por máis de millón e medio de persoas.

En total, as persoas que recibiron algún tipo de acreditación para formar parte dalgún equipo do evento foron 1.419. As participantes no desfile foron unhas 2.700 segundo datos das distintas delegacións, ás que hai que sumar unhas 5.000 de público, con case un millón de visitas nas tres principais redes sociais (TikTok, Instagram e Facebook). Retransmitiuse en inglés e castelán, con frecuentes conexións de Televisión de Galicia, en galego.

A programación cultural incluíu 23 horas de música en directo, 72 artistas participantes, 37 técnicos ou técnicas de montaxe, produción, son, iluminación e vídeo; 6 escenarios diferentes e unhas 4.000 persoas de público.

A loxística incluíu 4.350 valos de 2 metros e outras 260 de 3. Participaron 24 motoristas, 15 piraguas, 10 socorristas, 5 embarcacións auxiliares e 2 motos de auga; instaláronse 26 bancadas de seguridade, 2.675 cestas e 655 racs para bicicletas; utilizáronse ademais 20.000 botellos de auga, 31.200 vasos reutilizables e 8.300 pezas de froita.

A implicación local ofrece igualmente números importantes: máis de 20 empresas achegaron os seus servizos, con case 100 traballadores e traballadoras nas distintas montaxes e despregamentos. En canto á actividade económica e profesional directa, participaron 30 expositores na feira de 6 píses distintos; celebráronse 18 reunións técnicas no Pazo da Cultura, con máis de mil deportistas e outras 5 empresas de alugueiro de bicis de 3 países distintos instaláronse no recinto feiral.

A dimensión sostible do evento materialízase na colaboración con entidades sociais como Cáritas, Banco de Alimentos, Comedor de San Francisco, Asociación contra o cancro, entre outras asociacións; as 8 fontes de auga instaladas pola cidade, a campaña promociónal “1 billete, 1 vaso”, o uso de vehículos eléctricos e híbridos para a mobilidade interna da organización, a recollida e reutilización de máis de 150 pares de chanclas e a impliación da economía de proximidade en todo o evento.

Comparte esta nova