Unha pequena exposición quedará instalada esta mañá na Ferraría, moi perto do monolito que actualmente anuncia o mundial e sostén a bandeira de World Triathlon. Foi visitada a media mañá polo alcalde e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías.
A mostra persegue sobre todo popularizar os nomes que máis posibilidades teñen de alzarse co trunfo na Gran Final, así como dar visibilidade ás 8 persoas galegas que competirán, encabezadas pola capitana Susana Rodríguez.
Son tres monolitos de 2 m de altura que recollen información sobre os oito podios que se produciron ata o momento (a información sobre os resultados de Karlovy Vary incorporaráse nos próximos días), co obxectivo de que a xente coñeza os e as deportistas con máis posibilidades de acadar o trunfo final en Pontevedra.
En total, os tres monolitos inclúen 12 caras. Oito delas están dedicadas a outras tantas clasificacións previas. Unha dela titúlase “Nós no Mundial” e refírese ás triatletas galegas seleccionados en representación de España.
Outras dúas caras están ocupadas pola selección española, dividida entre os e as triatletas elite, xuvenil e sub-23 e a última está especialmente dedicada aos grupos de idade, o alteta máis veterano e o carácter interxeneracional da proba, con 37 anos de diferenza entre os máis novos e o maior.
As clasificacións de Samarkanda, Yokohama, Alghero, Quiberon, Hamburgo, Londres, Weihai e Karlovy Vary ocupan dous tercios da instalación, cos podios e as fotografías das e dos trunfadores.
En mulleres, con 4.000 puntos, figura en cabeza Cassandre Beaugrand, francesa, seguida pola británica Beth Potter, con 3.775 e a sueca Tilda Manson, con 3.636.
A principal figura masculina ata o momento é Vasco Vilaça, portugués que acada os 3.850 puntos, seguido do australiano Matthew Hauser, con 3.495 e o tamén luso Ricardo Batista, con 3.082 puntos.
