GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

Foto con logo suzuki

Suzuki, patrocinador principal da Gran Final

Unha colaboración económica co mundo do tríatlon que vai máis aló da Gran Final

A marca de mobilidade Suzuki incorpórase á Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon de Pontevedra como patrocinador principal, co que o seu nome e gráfica compartirá un lugar privilexiado no logotipo da proba, tal como recolle o manual de estilo da World Triathlon.

O acordo de incorporación ao evento enmárcase nun compromiso máis amplo coa Federación Española de Tríatlon para todo 2026, pero con vocación de prorrogarse. Esta alianza reforza, segundo a empresa, “un compromiso de Suzuki co deporte español e con valores como o esforzo, a superación e o xogo limpo”.

Do acordo tiveron coñecemento na recente xuntanza do Comité Organizador da proba, no que participou o presidente da Fetri, José Hidalgo, ademáis do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores —que comprometeu en nome do Concello millón e medio de euros para o evento— o presidente de WT, Antonio Fernández Arimany e representantes de Xunta, Deputación, Consello Superior de Deportes e Fegatri.

A FETRI e Suzuki comparten unha mesma forma de avanzar: facer máis con menos, con intelixencia, precisión e respecto pola contorna. O concepto de Suzuki Sho–Sho–Kei–Tan–Bi -máis pequeno, máis eficiente, máis lixeiro, máis pequeno e beleza-, é tamén a guía no tríatlon: técnica depurada na natación, potencia optimizada no ciclismo, e economía de esforzo na carreira, con transicións milimétricas.

Ao longo de 2026, a colaboración materializarase, ademais da Gran Final, en accións conxuntas vinculadas ao calendario nacional e internacional de tríatlon, incluíndo activacións para afeccionados e clubs, e campañas de sensibilización sobre mobilidade responsable.

O obxectivo é achegar o tríatlon a máis persoas e mellorar a experiencia de atletas, organizadores e público nas principais probas do país. O acordo entre as dúas entidades foi cualificado como “o acordo máis importante da historia do tríatlon español”.

Comparte esta nova