Nace a Triempanada, unha versión do popular preparado galego que levará tres ingredientes “moi proteicos” e serán dados a coñecer próximamente. É o resultado da visita que o alcalde de Pontevedra e presidente do Comité Organizador da Gran Final das Series Mundiais de tríatlon, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo ao novo obradoiro da Panadería Acuña.
É unha completa e moderna nave na que se compoñen diariamente as receitas artesanas desta firma. Ubícase no polígono de Barro, onde Lores agradeceu a estreita colaboración desta emblemática empresa local cos eventos deportivos da cidade.
O rexedor destacou durante a súa intervención a importancia do apoio do tecido empresarial local ao deporte. Fernández Lores subliñou a “colaboración das empresas de Pontevedra, e especialmente de Panadería Acuña, coa realización de eventos deportivos”, sinalando que as súas
achegas son unha “peza fundamental para que a organización dos eventos sexan un éxito” e permitan á cidade seguir atraendo campionatos de nivel nacional e internacional.
O alcalde tamén recoñeceu o intenso traballo de Andrés e Jacobo Acuña, actuais directores da marca e continuadores dunha saga familiar con 60 anos de historia que aposta pola artesanía, a calidade e os produtos de proximidade. Pola súa banda, Andrés Acuña Blanco, en representación da empresa, agradeceu a visita e desvelou a sorpresa na que están a traballar para a cita mundialista: o lanzamento dunha “triempanada”.
Segundo explicou o director, tratarase dunha edición limitada e especial que estará dispoñible unicamente durante a semana na que se celebre o tríatlon. Aínda que a receita é “de momento secreta”, Acuña adiantou que estará deseñada “en base a moita proteína para que eses deportistas se recuperen ben” do esforzo da competición.
Para rematar, Andrés Acuña quixo reivindicar o enorme impacto positivo que este tipo de competicións teñen en toda a contorna. Sinalou que a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón e outros grandes eventos “realzan a cidade, son un escaparate mundial e ao final a hostalaría agradéceo moitísimo”, reafirmando o firme compromiso da panadería por seguir sumando forzas co deporte local.
Panaderías Acuña é unha das marcas da cidade que colaborará coa organización da Gran Final das Series Mundiais de triatlón para que, de novo, sexan un éxito sen paliativos para participantes, visitantes e veciñanza. A Boa Vila volverá ser un escenario de luxo para o triatlón entre os días 23 e
27 de septiembre do 2026, no que será un dos maiores eventos deportivos do país.
