Cando faltan 100 días para o comezo da Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon instalouse na praza da Ferraría un monolito de tres metros que servirá de elemento central da promoción do evento nas rúas da cidade.
Da columna, na que predomina o característico azul corporativo destas competicións, emerxe a bandeira de World Triathlon ao lado da versión do colorista Ravachol voando que que preside a comunicación do campionato desde hai xa varios anos, obra do ilustrador local Francisco Campos.
Nas diversas caras do monolito, ademáis das palabras xigantes “Pontevedra” e “Gran Final Mundial Tríatlon” a modo de photocall urbano, aparece tamén un mapa do mundo coas sedes das distintas probas das series mundiais que rematan con esta Gran Final de Pontevedra e conexión qr coa web local do evento onde van aparecendo as novidades en torno á celebración cultural e deportiva de setembro.
Tras a presentación dos actos paralelos baixo a marca “Somos música”, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de deportes, Anabel Gulías, posaron diante do monolito ao pouco tempo de instalado e onde permanecerá todo o verán.

