GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

6857d2ab d42e 4886 95bf a5f669c4373e

Cen castiñeiros para compensar a pegada carbónica do Multisport 2025

Repóboase unha superficie de 2.000 m2 no Parque Forestal da Tomba

Dous mil metros cadrados de monte próximo a Pontevedra foron replantados con 100 pés de castiñeiro, unha especie tradicional en Galicia, para compensar as 614,61 toneladas de Co2-eq que se estima foron producidas por el pasado Multisport 2025, de World Triathlon celebrado en Pontevedra.

Realizaron a plantación bolseiras e bolseiros das federacións española e galega de tríatlon e membros do Servizo de Medio Natural do municipio, acompañados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Campos. Tamén participou a a entidade encargada do control da sustentabilidade do campionato, Equilátero.

O gasto enerxético produciuse sobre todo pola loxística, o consumo e as viaxes, xa que case toda a mobilidade interior da cidade realizouse camiñando, polo que se utilizou unicamente a enerxía propia dos seres humanos. Esta é unha das condicións ambientais que a cidade aplica durante todo o ano e que lle serviu para se recoñecer como un exemplo internacional de mobilidade sustentable e recuperación do espazo público para as persoas. 

A estratexia de sustentabilidade do campionato, coidada ao extremo e cuns canons de calidade moi estritos, mereceu a máxima consideración da World Triathlon, que aplica controis de sustentabilidade propios en todos os seus eventos.

Compensar a pegada de carbono con accións como a plantación de arboredo é un procedemento comunmente admitido para compensar as emisones de efecto invernadoiro xeradas en acontecemento que require sobre todo traslados en avión e automóbil das numerosas persoas que toman parte nas xornadas deportivas.

As accións de compensación de CO2 implican financiar proxectos ambientais que reducen ou capturan gases nocivos para o planeta, como a reforestación, a conservación de bosques, o desenvolvemento de enerxías renovables, a eficiencia enerxética e o tratamento de residuos, neutralizando así as emisións xeradas por actividades humanas. Empresas e particulares calculan a súa pegada carbónica e compran “créditos de carbono” certificados, que representan unha tonelada de CO2 equivalente. Con todo, a forma máis efectiva de coidar o planeta é priorizar a redución de emisións antes de compensar, extremo que xa se realiza nos campionatos que teñen lugar na cidade.

A plantación realizouse no Parque Forestal da Tomba, un dos tres espazos naturais de gran extensión que se atopan nos arredores da cidade, que co de Pontillón do Castro e o da Fracha conforman un triángulo forestal de espazos de uso público en zonas altas, cheos de sendas e nos que se pode gozar da natureza e habituais escenarios de eventos deportivos.

A elección dunha especie tradicional como o castiñeiro contribúe ademais a compensar a gran presenza do monocultivo das plantacións de eucalipto, cuxa abafante presenza na paisaxe afecta claramente á biodiversidade do territorio. Por iso as novas plantacións que se realizan nestes parques de propiedade pública ou comunal, céntranse en especies de tipo tradicional.

Comparte esta nova