A sede pontevedresa foi designada coa certificación ouro tras a organización do último campionato mundial Multisport 2025, co que a vindeira edición da Gran Final das Series Mundiais, que terán lugar en setembro de 2026 xa parten duns criterios ambientais da máxima esixencia.
Foi o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Camos, quen fixo entrega ao alcalde de Pontevedra e presidente do Comité Organizador, Miguel Anxo Fernández Lores, o certificado que testemuña esa alta consideración ambiental da WT.
O compromiso con esta certificación demostra a implementación por parte dos organizadores do evento de medidas sostibles en todas as áreas do evento: gobernanza, persoal, instalacións e infraestruturas, aloxamento, compras, mobilidade, enerxía, catering, xestión de residuos, xestión da auga, biodiversidade, estilo de vida saudable, comercialización, concienciación, comunicación…
“Estamos encantados de ver os éxitos que os organizadores do evento acadaron nestas áreas a través dos seus programas e iniciativas ambientais, como o logro do 74 % de desvío de residuos”, di nunha carta Jen Cerullo, o mánager de sustentabilidade de World Triatlon: “A nosa máis sincera felicitación ao equipo de Pontevedra por este logro continuado. O traballo realizado é un legado non só para a cidade de Pontevedra, senón tamén para o noso deporte e o noso planeta”.
A avaliación foi realizada segundo as directrices da Guía de Sustentabilidade de World Triathlon para organizadores de eventos e a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
As cifras da colleita ambiental que deu lugar á máxima consideración son moi elocuentes. Para axudar a combater o cambio climático, as tres principais instalacións deportivas contaron con fontes de enerxías renovables: o CGTD, o Pavillón Universitario e o Pontillón do Castro; houbo dous vehículos eficientes para a organización; ademáis un sistema transporte colectivo con lanzadeiras para público, staff e voluntariado para o Pontillón.
Tamén se fixo unha campaña de promoción de uso de transporte colectivo, na que se recolleron case medio cento de tiques de transporte, que se cambiaron por outros tantos vasos reutilizables; tres accións de promoción da mobilidade sostible para deportistas, unha acción de cálculo da folla de carbono do evento (staff, deportistas, provedores e público) contabilizando 614,6 toneladas de CO2 equivalente, para o que posteriormente se fixo unha plantación forestal participativa compensatoria da folla de carbono do evento.
Para tratar de diminuír a pegada hídrica e ecolóxica instaláronse 8 fontes de fornecemento para deportistas, staff e público; puxéronse en circulación máis de 30.000 vasos para reutilizar, o que supuxo un aforro de máis de 65.000 botellas de auga, evitouse un desperdicio de 617.5 kg de plástico e de máis de 11.000 litros auga, equivalente ao 50% de volume destas botellas.
A campaña para a conservación da biodiversidade acuática a través do consumo de cremas responsables con este medio natural realizouse en colaboración coa Asociación Española contra o cancro, así como outra para evitar o dano no medio natural polas cabichas.
Integrar a economía circular era outro dos obxectivos, para o que se promovía redeseñar, repensar, reducir, reutilizar, reparar e reciclar, algo que se foi conseguindo cos case 100 pares de chancletas para reutilizar, doados á entidade Boa Vida para a venda nos seus establecementos solidarios, ademáis de promover a recuperación de case 3.000 portachips de timming para reutilizar en eventos deportivos do concello.
Aproximadamente 4.000 metros cadrados de moqueta recuperáronse para reutilizar pola Federación Galega de Piragüismo, a Federación Galega de Vela, o CGTD e o departamento de deportesmunicipal. Os 50.000 metros de cinta de balizado utilizado nos circuítos contaron cun 95% de plástico reciclado e rexistráronse máis de 100 kg de excedentes alimentarios que foron doados a entidades sociais de gran sona na cidade como o Comedor de San Francisco, a Cruz Vermella e o Banco de Alimentos.
Dez pezas deportivas donáronse para reutilizar pola Asociación Boa Vida, así coma tres manuais de boas prácticas en sustentabilidade para staff, patrocinadores e voluntariado.
No ámbito da xestión dos residuos, contouse con 119 contentores e 55 papeleiras cedidas por Ecoembes, o que se complementou con catro horas de promoción da compostaxe no stand de sostibilidade da zona de exposición, da man da empresa Prezero.
Recicláronse 1.100 kg de envases, 1.200 kg de papel, acumuláronse 380 kg de materia orgánica para compostar e 950 kg de fracción resto, así como 1,75 kg de tapóns de botellas.
En canto ao impulso ao consumo responsable e o afortalamento da economía local, dispuxéronse manuais de boas prácticas en sostibilidade para provedores e catering, rexistráfonse 8 hoteis con criterios de sostibilidade como aliados cos criterios ambientais do evento, estímase que se consumiron máis de 5.000 kg de comida a través de provedores locais, así como 8.200 menús do voluntariado.
Estímase que máis de 25 empresas locais estiveron dalgún xeito implicadas no evento, que segundo os estudos realizados deixou unha pegada económica de máis de 21 millóns de euros na contorna de Pontevedra, o que foi posible grazas á asistencia de 3.250 atletas e 7.011 visitantes, cunha estadía media de 5,42 noites e un gasto medio diario de 245,27 euros por persoa.
Tamén se fomentou a saúde e a integración social a través do deporte, con accións como o circuíto accesible para persoas con dificultades de mobilidade e un video divulgativo sobre accesibilidade universal no evento. Neste ámbito contouse coa colaboración de seis entidades sociais de Pontevedra: Juan XXIII, Asociación Boa Vida, AECC, Comedor de San Francisco, Cruz Vermella e Banco de Alimentos.
En conxunto producíronse máis de 80 horas de contidos relacionados coa sensibilización e información sobre sostibilidade a través do persoal do stand temático instalado na Feira.
Realizáronse 488 enquisas de sostibilidade, con resultados como que o 78% coñece o concepto de pegada de carbono, o 48% desprazouse ao evento andando ou en bici, o 75% emprega produtos reutilizables, o 62% considera suficientes os contedores de separación, máis do 70% consume produtos de proximidade, o 81.1% considera que grazas ao evento promóvense hábitos de vida saudables e o 18.2% considera a mobilidade baixa en emisións e a reutilización de bolsas e botellas como as medidas máis sostibles.
A maiores realizáronse 3 vídeos temáticos con contidos relacionados coa sostibilidade, compuxéronse 80 ramos de flores secas elaborados pola asociación de integración Xoan XXIII, 57 pictogramas para facilitar la comunicación para todas e todos, 91 sinais reutilizables con temática sobre sostibilidade, 2 espazos de lactación e atención ao bebé, dous puntos de entrega de produtos de hixiene feminina e unha lista de Spotify e accións de intercambio de camisetas para para promover o intercambio cultural a través da música e a roupa.
