Máis dun millón de persoas de todo o mundo recibiron durante estes días directamente nos seus dispositivos persoais os contidos emitidos desde Pontevedra polas distintas redes sociais que confluiron neste evento global no que participaron case 4.000 deportistas.
As redes sociais máis numerosas, as da World Triathlon, superan o millón de persoas, e as españolas as 155.000. Impactos directos dun evento que tamén ocupou 9 horas de retransmisión televisiva en directo, con espectaculares imaxes aéreas deste deporte tan vencellado ao medio natural, ofrecendo unha espléndida versión de escenarios urbanos como a Illa, o CGTD, o campus, a N550 e a ría, que lucía marabillosa pese á fábrica ubicada a pé de ría.
Foron datos ofrecidos polo alcalde de Pontevedra e presidente do Comité Organizador do Mundial Multisport Pontevedra 2025, Miguel Anxo Fernández Lores, que fixo reconto cualitativo e cuantitativo de nove días dunha celebración deportiva e social na que non faltou nen sobrou nada, agás uns gradiños de temperatura na última fin de semana.
Lores: un éxito total
“Un éxito de organización, deportivo, de mobilización, de actividade económica e proxección da cidade, das Rias Baixas e de toda Galicia. Valoramos moi positivamente todo. Mesmo na última xornada a pesar de calor non houbo incidencias”, dixo o alcalde, que engadiu que foi o Mulisport de maior participación dos celebrados ata o de agora. “Estamos encantados coas máis de 1.300 persoas que puxeron o seu esforzo para que todo funcionase á perfección desde o equipo organizativo. As forzas de seguridade funcionaron perfectamente ben (policía, protección civil…), e o voluntariado volveu superarse, entregado aos deportistas, así como o servizo de Deportes do Concello”, a quen quixo facer unha especial mención.
Arenal: 23 medallas españolas
O seleccionador español Iñaki Arenal tamén participou neste balance, destacando a enorme dimensión deportiva do evento: “Foron 23 medallas en total entre os equipos elite, sub 23 e júnior, co éxito de Antonio Benito na Longa Distancia, que revalidou o seu título nesta competición e vive e adestra en Pontevedra. Hai que sumar dúas pratas e dous bronces en categoría elite, especialmente rechamante foi a de Damián Suárez que tamén é galego. E o futuro está garantido co bo traballo realizado polos júniores. Estamos encantados de competir en Pontevedra. O ano que vén na Gran Final de Pontevedra será aínda mellor”.
Jorge García: Pontevedra nunca falla
O director deportivo da Federación Española, Jorge García destacou que “Como sempre Pontevedra volveuse a superar. Pontevedra somos todos e Pontevedra non falla”. Agradeceu a implicación do Concello: “O que vivimos aquí en poucos sitios se pode ver. A implicación do Concello é total. E os eventos tamén os fai a cidadanía, e Pontevedra é diferente nese sentido, porque se envorcaron cos deportistas, cunha posta en escena inigualable, con actividades toda a semana…. O que marca a diferenza é a implicación da cidade con este deporte e con estes campionatos. A solvencia de Pontevedra organizando eventos é inigualable”.
90.000 fotografías
Tamén referido ao ámbito promocional da cidade hai que mentar as aproximadamente 90.000 fotografías realizadas só polos 7 fotógrafos oficiais da proba, ademáis das que realizaron os profesionais dos medios acreditados, tanto locais como internacionais especializados. Dese inxente número de exemplares, seleccionáronse unhas 3.800 para distribuilas entre as distintas webs, plataformas informativas e información de actualidade, puntualmente remitida a todos os medios informativos.
1.300 persoas implicadas na organización
En canto ás persoas implicadas a cantidade ascende a case 1.300 persoas, entre as que destacan os 552 persoas voluntarias, as 210 pertencentes ás forzas armadas, as 116 empregadas públicas e as 122 vencelladas aos actos paralelos.
Os 5,2 km de vallas ou os 40 de cinta de balizar distribuidos por todos os circuitos que se ían montando e desmontando segundo as necesidades de cada carreira polo ben entrenado equipo de loxística.
Un evento que produciu ademáis 16 horas de música en directo nun despregue de espectáculos que incluía a 135 músicas e músicos, 10 bailaríns, 31 técnicos, 23 persoas de seguridade e 35 de protección civil. Espazos de espectáculos que tamén serviron como escenarios das premiacións, algo que levoy 7 horas en total.
Loxística e outras cifras
Na parte deportiva utilizouse unha loxística de mobilidade composta por 21 motos na carreira de dúatlon, 9 na de ácuatlon e 43 na de longa distancia, ademáis de 2 quads e 4 vehículos 4×4 cross, ademáis de 12 bicis de tracción persoal e 8 eléctricas.
O voluntariado e staff recibiron 4.182 picnics e case 600 outfits específicos co vestiario exclusivo da proba, unha camiseta na que o Ravachol deseñado polo ilustrador David Campos tiña un gran protagonismo.
Outros aspectos da loxística da proba dan igualmente conta da potencia do gran despregue realizado: 35 aseos públicos estándar, 7 adaptados e 2 urinarios; 12 carpas de 10 m2, unha de 32, 4 de 16 e 25 de 9. Utilizáronse tamén 1.700 cestas, 2 arcos de meta e un de saída, 450 cadeiras, 115 mesas, 150 carteis de indicación efémeros para o plan de mobilidade e 6.500 m2 de moqueta.
A nivel informativo creáronse 14 infografías descriptivas dos percorridos, ademáis de 20 mapas de tráfico para difundir entre a cidadanía coas instruccións de uso da cidade durante estes días.
Sustentable e amable
Outra dimensión interesante consiste na estratexia de sustentabilidade, que acadou a máxima cualificación por parte de World Triathlon, con cifras como os 30.000 vasos que se reutilizarán noutros eventos —especialmente na Gran Final de 2026— e que aforraron o uso de 65.000 pequenas botellas de auga, evitando un desperdicio de 617,5 kg de plástico e de máis de 11.000 litros de auga, calculados en base ao 50% do contido desas botellas, que moitas veces non se completan.
A moqueta será reutilizada igualmente e máis de 100 kg de alimentos sobrantes foron distribuidos entre o Comedor de San Francisco, o Banco de Alimentos e a Cruz Vewrmella. Uns cen pares de chancletas foron recollidos para redistribuilos nas tendas de Boa Vida e uns 3.000 portachips de timming serán reutilizados en eventos deportivos municipais.
No capítulo das colaboracións con entidades cidadás cabe destacar os 80 ramos de frores secas para a premiación elaborados pola Asociación Xoan XXIII. Tamén os dous espazos de lactancia e atención a bebés, 2 puntos de entrega de produtos de hixiene feminina.