Pontevedra pecha o capítulo do Multisport 2025 ao tempo que xa albisca no horizonte a celebración da súa segunda Gran Final das Series Mundiais, no 2026. O comité organizador do evento que este verán achegou até Pontevedra a máis de 3.000 deportistas e máis de 7.000 visitantes mantivo este mércores unha xuntanza para facer unha última valoración do mesmo e poder dar conta dos datos económicos, de medios e sociais provisionais.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu esta xuntanza, acompañado da edil de Deportes, Anabel Gulías; Agustín Reguera, en nome da Xunta de Galiza; José Hidalgo, en nome da Federación Española de Triatlón; Marina Piñeiro, en representación da DEPO; e de Olalla Cernuda, en nome de World Triathlon.
Tal e como indicou o rexedor, o Mundial Multisport 2025 contou cun gasto total de 2.360.000 euros sobre uns ingresos de 2.410.000 euros, cifras que poden valorarse «moi positivamente», dando conta «da boa xestión que se fixo desde o comité organizador e dos equipos da FETRI e do Concello de Pontevedra», sen ser necesaria unha ampliación ou sobrecustos do gasto previsto.
Repasando polo miúdo os ingresos, estes serían preto de 605.000 euros de inscricións, 65.000 de «outros ingresos que teñen que ver con aloxamentos», 1.000.000 de euros do convenio entre Concello e FETRI, 100.00 euros da Deputación, 82.644 euros da Xunta de Galiza —aparte do uso do CGTD— e 399.590 euros do Concello no plan de comunicación, voluntariado e eventos paralelos; e 158.000 euros de patrocinadores fóra das institucións.
«O Multisport foi un evento que transcendeu Pontevedra e que deixou pegada en toda a provincia», explicou o alcalde, que deu paso para tal asunto ao presidente da Federación Española, José Hidalgo, que aproximou unha cifra non definitiva (que se pechará unha vez finalice o estudo): 21.716.764,62 euros. Este sería o impacto económico total do evento, que proximamente achegará máis datos no futuro.
A día de hoxe, o estudo explica que pola cidade pasaron 3.250 deportistas e 7.011 visitantes. Cada unha destas persoas pasou 5,42 noites pernoctando na Boa Vila, e fixo un gasto medio diario de 245,27 euros.
Doutra banda, Olalla Cernuda explicou que o impacto de medios «foi espectacular», ao falarse dun impacto mediático total que chegou a ter 1.222.020.060 interaccións (audiencia alcanzada), o que se estima nun valor económico de 4.287.943 euros (o investimento necesario en publicidade e outras accións que se precisaría para xerar o mesmo impacto).
Por último, Fernández Lores explicou que aproveitando esta xuntanza queda constituído o comité organizador para a Gran Final das Series Mundiais do ano que vén. «En principio cremos que neste comité deben estar, amais do Concello, World Triathlon, a FETRI, a Fegatri e o Consello Superior de Deportes; que xa están, mais cremos que tamén deberían estar, a Xunta, a Deputación e o concello de Sanxenxo».
O alcalde sinalou que se remitirá unha carta ao alcalde do Concello de Sanxenxo, ao presidente da Xunta de Galiza e ao presidente da DEPO para convidalos a participar neste evento cunha presencia activa en todos os sentidos, ademais da parte económica. «Eu creo que nesta última cita, no Multisport, coido que se quedaron un chisco atrás, falamos dun 3-4% do montante global de investimento na proba e cremos que unha Gran Final das Series Mundiais, que a nivel mediático é moi superior a un Multisport, vai ser o evento deportivo máis grande do país no 2026, debería contar cunha aportación económica maior. En setembro convocaremos outro comité e agardo que participen nese activamente».
