GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS / WORLD CHAMPIONSHIPS FINALS    PONTEVEDRA LOVES TRIATHLON

Roda prensa volunt

O voluntariado, “un plus que dá Pontevedra á Gran Final”

Anabel Gulías e Miguel Balea presentan a campaña de captación de persoas que axuden a organizar a proba

Visibilizar o labor do voluntariado local e captar persoas interesadas en formar parte do dispositivo son obxectivos da campaña iniciada polo Concello de cara a consolidar un dos alicerces máis importantes da organización da Gran Final de setembro. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o responsable da Oficina de Voluntariado de Pontevedra, Miguel Balea desgranaron os pormenores desta acción.

“Unha das grandes razóns que nos fai repetir como sede dos grandes eventos de tríatlon é como se acolle aquí á xente que ven”, dixo Gulías “e o voluntariado é o que expresa a boa calidade acolledora de Pontevedra”. Renovou ademáis a chamada pública a participar nesta experiencia estimulante e positiva: “un plus que dades á cidade como sede mundial”.

Foi Balea quen falou de terse que “reinventar cada ano para compoñer este tétrix de boa vontade que é o labor do voluntariado”, referíndose ás diversas entidades que apoian esta iniciativa, como Juan XXIII ou o Centro Penitenciario da Lama, pero tamén ás persoas que se unen de lugares tan lonxanos como o Reino Unido, Brasil, Francia, Exipto ou Xapón, de donde xa se apuntou algunha persoa. Tamén destacou que hai sitio para persoas de calquera idade —o maior ten 80 anos— e desde os 14 poden apuntarse.

Tamén dixo que os traballos máis complicados do dispositivo son eses “tres ou catro días dedicados, co staff técnico, a cadrar os recursos humanos e espaciais de que dispoñemos, coas necesidades nas diferentes funcións a realizar, os idiomas e o coñecemento da cidade e o campionato… son aspectos importantes, xa que hai que casar unha morea de datos para que todo o mundo se sinta ben e poidamos levar adiante as tarefas que nos asigna a organización”.

Baixo o tradicional lema urbano «Dá de beber a quen pasa», a campaña busca destacar a vocación acolledora e o espírito hospitalario do municipio. Desde a organización agradécese o compromiso da cidadanía e o traballo do equipo organizador, lembrando que a achega dos voluntarios resulta unha pata loxística fundamental para mover a complexa estrutura do evento.

Para esta edición precisaranse arredor de 700 colaboracións puntuais, unha cifra inferior ás 1.400 do pasado ano debido á menor duración do campionato. As necesidades compútanse por tempo de dedicación e non por un número fixo de participantes, coa expectativa de cumprir os obxectivos grazas á habitual resposta positiva da cidadanía.

O perfil requirido abrangue a calquera persoa maior de 14 anos que estea disposta a realizar un mínimo de dúas quendas de traballo. A cambio, a organización facilitará a equipación necesaria, a manutención e o acceso a actividades exclusivas como formacións específicas, festas ou espazos reservados. Tamén son importantes as sesións formativas, algunhas xerais e outras específicas; algunhas voluntarias e outras obrigatorias.

As persoas voluntarias poderán colaborar en diversas áreas como secretaría, dirección de carreira, protocolo, comunicación ou loxística. A organización insiste en aclarar que este traballo en ningún caso substitúe ao dos servizos profesionais contratados, senón que constitúe unha canle para expresar a xenerosidade veciñal e proxectar unha imaxe acolledora da cidade. Así mesmo, o dispositivo conta coa participación de entidades sociais e educativas locais como a Asociación Xoán XXIII, o Centro Méndez Núñez, o Centro Penitenciario da Lama, diversos clubs deportivos e a Escola Oficial de Idiomas.

Aínda que a meirande parte do voluntariado procede de Pontevedra e a súa comarca, o evento atrae a persoas do resto de Galicia, da Península e mesmo do ámbito internacional, especialmente acompañantes dos propios deportistas que se suman ao dispositivo a través das redes federativas.

A campaña estará activa durante todo o verán —ata 15 días antes da proba— para incentivar a participación nunha experiencia descrita como divertida e enriquecedora, que permite practicar idiomas e coñecer xente. Con este operativo, Pontevedra reafirma o seu modelo de éxito na xestión de grandes eventos deportivos e na mobilización da participación cidadá.

Comparte esta nova